14/04/2026
𝗥𝗨𝗧𝗔 𝗗𝗔𝗦 𝗙𝗘𝗥𝗩𝗘𝗡𝗭𝗔𝗦 𝗗𝗘 𝗤𝗨𝗜𝗥𝗢𝗚𝗔
RTMQ. Coa chegada da primavera o municipio de Quiroga presenta unha espectacular paisaxe no que destacan sobre o verde as multicores flores da variada flora coa que conta. Pero ademais de ser unha época perfecta para desfrutar da paisaxe tamén é unha boa época para recorrer as fervenzas que baixan cargadas de auga recollida durante este inverno chuvioso.
A ruta recolle unha selección das cinco fervenzas máis accesibles e espectaculares do Concello de Quiroga, dentro do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. Dende Quiroga ata Vieiros, un percorrido aproximado de 25 kms, que se pode visitar en calquera época do ano.
A ruta recolle:
A Fervenza do Pombar, próxima á aldea da Cruz de Outeiro, no curso do río Quiroga., salva un desnivel duns 12 metros e a auga cae nunha poza ampla e fonda. Dende a estrada onde se deixa o vehículo recórrese unha pista e un sendeiro de un km. para acceder a ela.
A Fervenza da Pedriña, próxima tamén á Cruz de Outeiro, no curso do río Quiroga, ten forma de “cola de cabalo” duns 15 de altura, caendo nunha ampla poza con bastante fondura. Deixando o vehículo na estrada que vai a Vilarbacú recórrese un camiño de 600 metros para chegar á fervenza.
A Fervenza das Gurbias, situada no río Selmo dentro da propia aldea da Seara. A auga do río Selmo precipítase a xeito de escaleira, salvando un desnivel duns 25 metros, rematando nunha pequena poza de pouca fondura.
A Fervenza do Fócaro, situada a 200 metros da aldea da Seara, en dirección á Lagoa da Lucenza. No pequeno cavorco do Fócaro, un dos primeiros afluentes do río Selmo, a auga cae máis de 25 metros e remata nunha pequena poza de pouca fondura. Esta é das 5 fervenzas seleccionadas a que máis acusa o estiaxe.
A Fervenza de Vieiros, situada preto da aldea de Vieiros, onde o río Selmo se precipita uns 35 metros nun dos lugares máis recoñecidos das Montañas do Courel permitindo facer unha pequena ruta para admirar o salto dende a parte superior.
A ruta das fervenzas está perfectamente sinalizada con sinais colocadas dúas no cruce de Vilaverde, unha no cruce de Barreiro, e outras dúas no cruce da Cruz de Outeiro, ademais de estar sinalizadas no punto en que se deixan as estradas para coller os sendeiros que conducen ata elas. E tamén se poden seguir a través da aplicación de internet Google maps, coñecendo os detalles do acceso a cada un dos puntos, descargar a ruta para GPS e mesmo seguila nun teléfono móbil.