Dispoñemos de internet de alta velocidade, sala de xuntanzas, sala para actividades e proxeccións e zona de descanso, entre outros servizos. O Espazo BenComún é moito máis ca un local de coworking, moito máis ca unha comunidade de traballo colaborativo, moito máis ca un punto de encontro para a creatividade ás beiras do Arnoia, no centro de Allariz. É moito máis ca iso, pero tamén é todo iso. No Espazo BenComún tes á túa disposición 300 m2 de superficie distribuídos nunha sala diáfana con mesas de traballo individuais e unha sala de reunións a disposición dos nosos usuarios e usuarias. No noso local da praza da Torre Lombarda, amais de vistas sobre a ribeira do río e os cumes da Reserva Natural da Biosfera, contamos con Internet de alta velocidade (600 Mb de descarga), Wi-Fi, liña telefónica, calefacción, zona de descanso e office, zona de carga para vehículos eléctricos e unha terraza moi luminosa. BenComún nace da mesma iniciativa empresarial que creou a libraría Aira das Letras e Aira Editorial, ambas en Allariz, e da firma de deseño e obxectos bonitos Punto e Coma, con tenda en Ourense. Esa vontade compartida de converter Allariz en vila do libro, do deseño, da ilustración -en definitiva, en capital da creatividade- transmítese no ADN do noso espazo. Na nosa comunidade xa participan destacados profesionais das novas tecnoloxías e das artes e oficios visuais, con especialización no traballo editorial e na creación de obxectos. Traballar no BenComún significa entrar a formar parte dunha comunidade de profesionais independentes, que comparte recursos e servizos e que traballa no desenvolvemento de proxectos conxuntos.